Sera, líder da combinada


Volta a España: O Xacobeo Galicia subiu ao podio por partida dobre con Serafín Martínez




O Xacobeo Galicia saíu na quinta etapa da Volta a España coa idea de salvar o día, pero acabou subindo ao podio por partida dobre con Serafín Martínez, líder da combinada e gañador do Sprint Solidario da xornada. Ezequiel Mosquera pasou a xornada con algunhas dificultades menos das previstas, tras a súa caída en Liexa. A vitoria de etapa, por segundo día consecutivo, correspondeu ao alemán Greipel (Columbia), novo líder da carreira.

De saída había preocupación no seo da formación galego polas secuelas que puidesen quedar da caída de varios dos seus corredores no final da cuarta etapa en LieXa, e en particular, por Mosquera. De feito a consiga era que todo o equipo estivese pendente do seu líder ao longo dos 174 quilómetros do percorrido entre Tarragona e Vinarós.

Con todo, co bandeirazo inicial saltaron catro corredores e Serafín Martínez, que no inicio da etapa confesaba ter boas sensacións, saíu a por eles. Un sexto corredor sumaríase á cabeza de carreira e o grupo comezou a abrir oco ata levar a vantaxe ata preto dos sete minutos. A partir dese momento os equipos dos sprinters, co Garmin á fronte, decidiron exercer un férreo control sobre a fuga.


Os escapados comezaron a pensar no liderado da montaña, que sería para o primeiro corredor en coroar o único porto do percorrido, puntuable de segunda categoría. Ese foi Aitor Hernández (Euskaltel), por diante de Serafín Martínez, segundo, que xa se deixaba ver.

No primeiro sprint especial o ciclista do Xacobeo Galicia volvía ser segundo, por detrás de José A. López (Andalucía - Cajasur); pero sairía vencedor dos dous últimos sprints, co que ao final da etapa subía ao podio por partida dobre, como líder da combinada e como gañador do sprint solidario.

Nos primeiros compases da carreira, as cousas non pintaban demasiado ben para o equipo galego: tres dos seus corredores (David García, Domínguez e Veloso) visitaban ao médico de carreira. A boa noticia era que o nocello lesionado de Ezequiel Mosquera non lle molestaba, aínda que si lle daba algúns problemas a cadeira afectada tamén pola caída

DECLARACIÓNS
Serafín Martínez
O ciclista do Rosal adoita rendibilizar ben as escapadas e esta vez non foi unha excepción. "Non tiña pensado meterme en fugas, porque o obxectivo prioritario era Ezequiel Mosquera, pero vin a oportunidade e metinme. Unha vez na fuga intentei sacarlle o maior proveito posible. Primeiro tratei de coller a camisola da montaña, pero creo que respondín un pouco tarde á aceleración de Aitor Hernández", dixo o ciclista do Xacobeo Galicia.

Dado o control dos equipos dos sprinters o prudente era nadar e gardar a roupa: "Ao final vinme con forzas e gañei os dous últimos sprints. Na fuga non fomos a tope, porque sabiamos que ía ser imposible chegar. Por momentos chegábanos información de que tiraban ata catro equipos, así que decidín aproveitar o que se puidese e aforrar forzas para outro día, que a Volta é longa", engadiu.










No hay comentarios:

Publicar un comentario