Serafin Martinez ten dúas ofertas do extranxeiro ante a pasividade do Xacobeo para a súa renovación
A noticia elaborouna Juan Ramón Martínez Barbosa, para as páxinas noticiasorosal e galiciasuroeste
Segundo fontes próximas a Serafín Martínez Acevedo, o ciclista rosalés ata o de agora integrante do equipo Xacobeo Galicia, podería –incriblemente- cambiar de aires a próxima tempada.
Serafín, que ten o respaldo dos seus compañeiros e corpo técnico -co seu director deportivo Álvaro Pino á cabeza- está a espera dunha chamada do Xacobeo para renovar, pois este é o seu último ano de contrato.
Se ben nun principio dende o equipo comunicáranlle a el e a outros membros da formación galega que contaban para a tempada que vén, ninguén do Xacobeo se puxo a día de hoxe en contacto con eles. Tan só o seu compañeiro de habitación Gustavo César Veloso, David García e o líder do equipo, Ezequiel Mosquera, teñen asegurada a súa continuidade.
Antonio Vaquerizas, representante de Serafín, informa que existen sobre todo dous equipos estranxeiros interesados no rosalés, e un deles ProTour, é dicir, de elite, entre os 18 mellores do mundo.
Aínda que a primeira opción para o corredor de Martín (O Rosal) segue sendo o Xacobeo Galicia, ao estar as negociacións estancadas, terase que ver nos próximos días cal será o seu futuro, pois as plantillas unha vez remata a Vuelta a España comezan xa a confeccionarse de cara a vindeira tempada.
Sería unha mágoa que un ciclista tan novo, combativo onde os haxa, en forma, cun formidable presente e cun futuro máis que prometedor tivese que emigrar, xa por non renovación, xa por “culpa” doutras fichaxes. E sobre todo, o que realmente non se entendería, é que tendo un equipo profesional da terra, un galego teña que buscarse de novo a vida fóra das nosas fronteiras.
Se ao Xacobeo Galicia non lle vale un rapaz que dende o primeiro día “dá o callo” como se comprobou na recente Vuelta a España en continuas escapadas, “chupando cámara” en televisións de todo o mundo, gañando catro Sprints Solidarios (levándose a Clasificación Xeral), chegando a ser líder do maillot da Combinada, subindo case tantas veces ao podium como o gañador final Alejandro Valverde… quedando de 200 corredores entre os 50 mellores en todo (39 posto na Xeral, 27º da Montaña, 36º na Xeral por Puntos e 21º na Combinada)… ¿que é o que lle vale entón?
Agardemos que o Xacobeo mova ficha, recapacite e non deixe marchar nin a Serafín nin a ningún outro galego, que os directivos lembren que grazas ao equipo actual, nunha das grandes voltas ciclistas do mundo… simplemente… foron os mellores. Que así sexa
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario