Entrevista a Javi Díaz.


Javi Díaz naceu en Fornelos, o 26 de marzo de 1975. Porteiro profesional de balonmán, xoga no Octavio Pilotes Posada da Liga Asobal. Está considerado un dos mellores gardametas de España, e mesmo, nalgunha ocasión, o seu nome soou para vestir a elástica nacional.
Ao longo da súa carreira recibiu importantes recoñecementos, como o "Premio ao mellor xogador galego pola RTVG" (tempada 2002-2003), varios "Premio Deputación de Pontevedra" (tempadas 2002-2003; 2004-2005; 2008-2009) e o "Premio ao mellor xogador galego de balonman" otorgado pola Federación Galega de Balonmán.
Dous anos consecutivos sendo o 2º mellor porteiro da Asboal en paradas, o seu excelente rendemento levouno a xogar en dúas ocasións o "Partido das Estrelas" da mellor liga do mundo.

- ¿Como empezaches no balonmán; como te entrou o "gusanillo", e ademais de porteiro?
A verdade é que comecei no equipo do cividanes de fútbol, pero despois, xa en categoría infantil, con 11 ou 12 anos, e grazas os cursos que se impartían e as escolas de formación, entrei a formar parte do Novás de balonmán.

- ¿Cantos anos estiveches no equipo rosaleiro?
Estiven ata os 17, momento no que por mediación de José Álvarez Alonso "Buraco" e o adestrador daquela do Octavio, Alejandro López, convidóuseme a xogar neste equipo de xuvenís. O curioso é que xa adestraba cos maiores, da División de Honra B.

- Contanos un pouco por que equipos pasaches ao longo da túa cerreira deportiva.
Despois do Octavio estiven no Chapela (dende 1994 ata 1997) e durante oito temporadas militei no S.D. Teucro.
Tamén pasei por equipos como o Teka Cantabria, o OAR Coruña, da División de Honra B, e agora de novo no Octavio Pilotes Posada, da liga Asobal, equipo co que estou ligado ata xuño de 2011.

- ¿Que tal entón no Octavio esta tempada?
Fixemos unha boa primeira volta, na que practicamente aseguramos a salvación. Metémonos entre os oito primeiros, o que nos deu dereito a xogar a Copa do Rei. A verdade é que fixemos do pavillón de As Travesas un campo case inexpugnable.

- ¿Cres que se lle dedica a xusta atención ao voso deporte tanto por parte da prensa como da afección?
Sinceramente, moi pouco, pero bueno, en Vigo temos sorte, pois tanto a prensa escrita como diferentes emisoras de radio van sempre aos partidos. En canto a televisión todo depende da audiencia, se xogamos contra un equipo de "nivel" pois emíteno en directo.

- ¿Que meta se propón o Octavio na asobal?
Como todos os anos, o obxectivo é conseguir a salvación, manter a categoría. Despois se as cousas van ben pois pensar noutras metas, pero somos un equipo modesto.

- Un porteiro sempre ten máis minutos que un xogador de campo, ¿Como te encontras? Din que é a mellor época para un porteiro.
Totalmente de acordo. Levo dous ou tres anos xogando a un alto nivel. Pode ser que sexa a idade, que vai unida a experiencia. Nótome máis tranquilo, máis seguro. Antes era máis agresivo, máis nervioso.
Agora vexo as xogadas e o partido doutra maneira, con outra seriedade.

- ¿Que tal as lesións, téñente respetado?
Polo de agora si, non tiven moitos problemas, aínda que fai pouco rompín parcialmente o menisco contra o Portland.

- ¿Pensas na retirada do mundo profesional ao finalizar o teu contrato?
Aínda me queda corda para rato, pero claro, todo depende das lesións e de como me atope, aínda que penso seguir varias tempadas máis.

- ¿Plantexácheste algunha vez volver ao Novás? ¿Rematarías aquí a túa carreira?
É unha ilusión que teño, polo menos xogar un ano...se me queren, xa que foi o equipo onde comecei e sería moi bonito rematar aquí a miña carreira.

- ¿Como ves o deporte na vila? ¿Porqué sonsideras que nun pobo tan pequeno como O Rosal saen tan bos deportistas, algúns de primeiro nivel internacional?
Será polo viño e os mirabeis. Agora en serio, o segredo na miña opinión non é outro que a base de traballar e buscarse a vida, con moito sacrificio. Hai tempo para todo, pero o que quere chegar lonxe ten que esforzarse e ter unha boa mentalidade. A ninguén lle regalan nada, hai que merecelo. Isto está moi claro para os deportistas do Rosal e aí están os resultados.

Fonte de información: Boletín Informativo do Concello do Rosal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario